Thursday 16 de May de 2024

Feijóo destaca o compromiso da Xunta coas políticas de inclusión das persoas maiores, as que considera unha obriga imprescindible para calquera goberno


Lembra que nestes seis anos a Xunta creou máis de 3.000 prazas públicas para maiores, ata superar case que nun 50% as que había en 2009; e, en total, xa hai 9.500 galegos que se benefician do sistema público de residencias, “no que dedicamos preto de 90 millóns ao ano”, engade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe o compromiso do Goberno galego coas políticas de inclusión das persoas maiores, as que considera unha obriga imprescindible para calquera goberno.

Logo da visita ás instalacións á nova residencia xeriátrica Santa Teresa da Fundación San Rosendo, Feijóo lembrou que nestes seis anos Galicia foi capaz, a pesar da recesión económica, de crear máis de 3.000 prazas públicas para maiores, ata superar case que nun 50% as que había en 2009. “E, en total, xa hai 9.500 galegos que se benefician do sistema público de residencias para maiores ,ao que dedicamos preto de 90 millóns ao ano”, engadiu.

Para o presidente da Xunta, estes datos positivos, demostran o compromiso coa inclusión social dos maiores, “porque ademais o fixemos compartindo recursos entre administracións e tamén porque hai entidades sen ánimo de lucro como esta fundación”

Así mesmo salientou que as políticas de dependencia, que atenden 80.000 persoas en toda Galicia, tamén se levan a cabo a través do servizo de atención a domicilio: “Arredor de 11.000 persoas acceden a el e, ademais, temos o compromiso de que outras 2.000 poidan facelo tamén neste 2015”.

Feijóo afirmou que este servizo representa un chanzo imprescindible para garantir a atención de quen máis o precisa e aseverou que ademais do compromiso cos máis maiores, a Xunta traballa noutra dirección: A xeración de emprego, “porque o emprego é a chave dos servizos públicos “, dixo. E, neste sentido referiuse ás sinatura onte en Madrid do acordo para impulsar a plataforma loxística Salvaterra- As Neves: ”estamos a falar do reinicio das obras, con 36 millóns der euros de investimento, e dunha plataforma que significa emprego e futuro parta esta comarca” concluíu.